Universidade de Santiago de Compostela, do 2 ao 4 de setembro de 2014                                                                        USC     SELGYC

CONVOCATORIA

A Sociedad Española de Literatura General y Comparada (SELGYC) celebrará o seu XX Simposio na Universidade de Santiago de Compostela entre os días 2 e 4 de setembro de 2014.

TEMAS DO SIMPOSIO

I. Literaturas europeas: refraccións da identidade europea
Nos anos inmediatos á Segunda Guerra Mundial, cando a Literatura comparada volvía facer patente o seu compromiso ético polo mutuo entendemento, a resolución do conflito cifrábase nunha unidade cultural (os vinte e seis séculos de Homero a Goethe, formulados por Ernst R. Curtius) que comezaba a sentirse ameazada por unha emerxente pluralidade política cuxo resultado era, sintomaticamente, a homoxeneización cultural (na visión de Erich Auerbach). No medio século transcorrido desde entón, e precisamente no ano en que se celebra o centenario da Primeira Guerra Mundial, ambos os conflitos no marco europeo están a ser relidos non como guerras internacionais, senón como guerras civís. Isto é consecuencia, obviamente, do proceso de integración promovido pola Unión Europea, a entidade política supranacional que mellor capitalizou a “idea de Europa”. Que papel xoga a literatura neste proceso? Baixo que prismas cabe reler a idea de “literatura europea”?
Darase preferencia aos enfoques comparatistas.

II. Os xéneros da memoria
Non é arbitrario para a literatura que “memoria” comparta con “mártir” a raíz indoeuropea *(s) mer . Basta lembrar desde a asociación platónica entre a morte da memoria e a escritura, que pasará a definir o concepto moderno de literatura, pasando pola escritura como posibilidade de deixar unha pegada do eu (Mémoires d'outre-tombe), até a literatura como feita do material da memoria (À la recherche du temps perdu). Temos así a rica gama de memorias, memoriais, confesións, (auto)biografía (ficcional), escritura do eu, etc. A isto súmase o recente interese espertado polos MemoryStudies (Estudos sobre a memoria), un campo de marcado carácter interdisciplinar que interroga os acontecementos sociais, políticos, culturais e técnicos que afectan a como, que e por que os individuos recordan e, non menos importante, esquecen. Por outra banda, non debe esquecerse o recurso á literatura como unha ferramenta (rei)vindicativa da memoria histórica.
Darase preferencia aos enfoques comparatistas.

III. Novas literaturas híbridas
Fronte a unha concepción monumentalista (clásicos, obras mestras, etc.) e difusionista (circulación alén dos contextos de produción) da literatura mundial, a literatura mundial tamén pode ser lida como aquelas obras que fan do seu corpo textual o lugar dunha encrucillada mundial e dunha hibridación intercultural. Obxecto prototípico dos estudos postcoloniais, nas últimas décadas as literaturas híbridas superan ese limitado marco e reescriben a metrópole desde a propia metrópole, convertida nun espazo babélico, para xerar unha neueWeltliteratur (nova literatura mundial): obras plurilingües, obras de emigrantes e sobre migración, literatura-en-tradución, híbridos temáticos e xenéricos, etc.
Darase preferencia aos enfoques comparatistas.

Consulten a sección de presentación de comunicacións para máis información.